Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta avanza coa Universidade de Santiago na análise das competencias autonómicas e locais


― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio asinado hai uns meses entre ambas entidades

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio acordado hai uns meses entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre a delimitación de competencias entre a Xunta e os concellos galegos.
No encontro de hoxe, o grupo de traballo fixo balance dos traballos realizados ata agora e analizáronse os eidos prioritarios das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que a reunión contou tamén coa participación de representantes destes dous departamentos da Xunta.

O acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago recolle a necesidade de priorizar a clarificación das competencias relacionadas coa xestión da pandemia provocada pola covid-19.

O grupo de traballo avaliará en próximos encontros as competencias noutros ámbitos con representantes de ambas entidades e expertos, co obxectivo de obter unha análise rigurosa en tódolos eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais naqueles ámbitos nos que non estea ben definida ou existan duplicidades.

En reunións anteriores, a Comisión xa se reunión con representantes doutras consellerías como Sanidade; Política Social; Cultura, Educación e Universidade; e Emprego e Igualdade.